Un primeiro apuntamento importante que se pode facer é sobre as redes de protección supranacionais, que lles conceden ás illas as denominacións de Zona de Especial Protección para as Aves (Illas Cíes en 1988 e Illas Ons en 2001) e de Lugares de Importancia Comunitaria ás Cíes (LIC das Illas Cíes), ás Ons (LIC Complexo Ons-O Grove) e Sálvora (LIC Complexo húmido de Corrubedo).
As condicións climáticas propias de cada arquipélago e a riquezas das súas augas fan destas illas un patrimonio natural único.
Illas Cíes:
As Illas Cíes constitúen unha das maiores colonias españolas de gaivota arxéntea e de corvos mariños con moño. Salientan tamén outras especies mariñas coma o alcatraz, o colimbo ártico, a pardela, a gaivota riseira e o arao común. As características dalgunhas destas aves son:
Gaivota arxéntea (Larus argentatus): É a gaivota máis abundante de Galiza, cuxa zona de cría son as ladeiras orientadas cara a mar aberto.
Corvo mariño “moñudo” (Phalacrocorax aristotelis): Cunha plumaxe verdosa escura, gorxa amarela e patas negras, é unha especie moi adaptada á vida mariña e cuxa comunidade nas Illas Cíes constitúe a máis ampla de Europa. Adoita construír niños nos cantís.
Arao común (Uria aalge): Especie con certa semellanza aos pingüíns cuxa poboación nas illas ten descendido nos últimos anos. Ao igual cós corvos mariños, son bos pescadores.
No que atinxe ás especies terrestres cómpre citar ao azor, a perdiz vermella, a chova rubia, o ourizo e a lontra. Tamén é importante a comunidade de réptiles que posúen as illas, dende lagartos arnais ata lagartas.
Ademais, as illas son paso das aves migratorias.
Illas Ons:
Ao igual ca nas Cíes, nas Illas Ons pódense atopar especies coma a gaivota arxéntea e o corvo mariño “moñudo”, ademais dunha importante colonia de gaivotas patiamarelas (Larus cachinnans).
Tamén se poden ver pombas bravías, pardelas pichonetas, alcatraces, vencellos ou birrios reais, lagarteiros comúns, rateiros, perdices e, entre os réptiles, lagartos ocelados e escánceres de escaleira.
Forman parte tamén do camiño das migracións de aves.
Illa de Sálvora:
É moi salientábel a existencia de grandes poboacións de percebes, debido á súa costa esgrevia e accidentada. Outras especies que se poden atopar son o polbo, a nécora, a robaliza, o raia, a solla, o sargo, a maragota, o congro, a ameixa, a centola, o lumbrigante…
Presenta tamén asentamentos temporais de gaivota patiamarela e de corvo mariño.
Illa de Cortegada:
Preséntanse especies coma o cabalo, o xabaril, algúns réptiles e aves limícolas.
Na zona que a separa coa costa cultívase a ameixa, sustento económico da zona. As actividades pesqueiras complétanse coas lampreas, as anguías, as robalizas, os salmóns, os reos e as sollas.
O número de especies que existen no Parque é maior. Grosso modo e facendo un pequeno resumo para ampliar as xa citadas especies, cómpre salientar as seguintes, presentes no conxunto do Parque Nacional:
Invertebrados: O mundo menos estudado das illas. Caracol, lesma, escaravellos, grilos, bolboretas.
Anfibios: Limitados, debido á escaseza de auga e humidade. Píntega común, tritón, sapo pinto ibérico.
Réptiles: As temperaturas son favorábeis ao seu desenvolvemento. Lagarto ocelado, lagarta ibérica, “serpes de cristal”, eslizón ibérico, cobras.
Aves mariñas: A disposición das costas permite o asentamento destas. Paíño europeo, gaivota sombría
Aves terrestres: Malia a pouca superficie do Parque, son moitas as especies que se atopan. Busardo rateiro, azor, falcón peregrino, lagarteiro.
Mamíferos: Comunidade pouco ampla pola escasa superficie e o illamento das illas. Coellos, rato caseiro, rato de campo, rata negra, musaraña gris, ourizo europeo, toupa, morcego común.
Velaquí un vídeo de elaboración propia con algunhas imaxes da fauna:
Ligazóns:
http://www.campingislascies.com/faunayflora.php
http://www.noticiasgalicia.com/islas/cies.html
http://www.parquenacionalillasatlanticas.com/glg/informacion_saber_mas.php?nar1=27
http://www.galiciaparaelmundo.com/blog/?page_id=17&recurso_id=69
http://www.vivelanaturaleza.com/espacios_naturales/Ons.php
No hay comentarios:
Publicar un comentario